Ir o contido principal

Comezan as segundas Xornadas de terminoloxía matemática

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Este martes a partir das 17.00 horas na Facultade de Matemáticas

A Facultade de Matemáticas abre as súas portas este martes 28 e o mércores 29 ás segundas Xornadas de terminoloxía matemática. Celebrarase en horario de 17.00 a 20.00 horas, no Salón de Graos do centro cun programa que permitirá reflexionar sobre a implantación da lingua galega nesta ciencia e máis no seu ensino.

Coñecer materiais didácticos de matemáticas en galego, reflexionar sobre a fixación e evolución do léxico galego da materia, analizar a situación legal sobre os usos lingüísticos no ensino das matemáticas ou presentar a estatística como ferramenta na investigación lingüística son os principais contidos das exposicións, que se completan cunha breve presentación dos Premios á calidade lingüística e do concurso Explícoche Matemáticas 2.0.

Alberto Cabada e Sandra Sambade abrirán este martes 28 ás 17.00 horas o programa cun relatorio sobre os materiais didácticos de matemáticas en galego e continuará coas intervencións de Fernando Castro Prado e Ana Belén Buíde Carballosa, gañadores en 2017 dos Premios á Calidade Lingüística nas modalidades de Traballo Fin de Grao e de Fin de Máster, respectivamente. Esta primeira sesión rematará falando sobre a evolución e fixación do léxico matemático en galego, da man de Xusto Rodríguez Río, do Servizo de Normalización Lingüística; Carlos Luis Iglesias Patiño, do Instituto Galego de Estatística; e de Xosé María Masa, da Facultade de Matemáticas.

Esta é unha acción formativa organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2017.