Ir o contido principal

Comezan os traballos de exhumación da foxa común de Vilagarcía de Arousa

Traballos de exhumación da foxa de Vilagarcía. Fonte: Histagra
Traballos de exhumación da foxa de Vilagarcía. Fonte: Histagra
Os grupos HISTAGRA e Medicina Xenómica da USC e o Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) toman parte nesta investigación que conta coa axuda do Concello de Vilagarcía e a colaboración da Asociación Cultural O Faiado da Memoria
Santiago de Compostela

Ao abeiro do Convenio Cuadrienal de Memoria Democrática asinado entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, este mércores comezaron en Vilagarcía os traballos de levantamento da foxa común que contén os corpos de vítimas da violencia franquista entre 1936 e 1937. Trátase do primeiro soterramento irregular que se exhuma en Galicia seguindo o protocolo de actuación promovido polo grupo HISTAGRA, co apoio do de Medicina Xenómica da USC e do IMELGA.  

O equipo de traballo está formado polo catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto, o arqueólogo e investigador da USC, José Carlos Sánchez Pardo, o médico forense do IMELGA, Fernando Serrulla Rech, e o catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo Álvarez. Coa axuda do concello de Vilagarcía e a colaboración na investigación e na posta en marcha dos traballos por parte da Asociación cultural local O Faiado da Memoria, comezan os traballos arqueolóxicos no Cemiterio Municipal.

O seu obxectivo é atopar e identificar os corpos de 18 persoas asasinadas en Vilagarcía de Arousa e soterradas de xeito irregular neste espazo. Para chegar a esta fase, o grupo HISTAGRA desenvolveu un exhaustivo traballo de investigación en arquivos de Galicia, como o Arquivo Municipal de Vilagarcía, o Arquivo Militar de Ferrol, o Arquivo civil de defunción de Vilagarcía e terraememoria.usc.gal da USC. Tras os traballos arqueolóxicos que desenvolve a empresa Tempos Arqueólogos e supervisa o doutor Sánchez Pardo, o proceso para a dignificación deste espazo proseguirá coas análises forenses por parte de Fernando Serrulla Rech e cos cotexos de ADN no laboratorio de Ángel Carracedo Álvarez.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2021.