Comezan na USC as aulas activas de cociña
Este martes 15 poñeranse aos fogóns do Colexio de Fonseca as persoas apuntadas no curso de cociña avanzada que forma parte do programa ‘ Gastronomía pedagóxica. Aulas activas de cociña’, un proxecto de gastronomía pedagóxica aberto a toda a cidadanía co que se pretende ensinar a cociñar ao tempo que se achega unha cultura de hábitos de consumo saudables e se aumenta o coñecemento do medio e dos produtos. Para este mes de outubro están previstos tamén un curso básico ou de iniciación (44 horas) e outro de cociña vexetariana (6 horas), para os que aínda hai prazas. As clases, cun formato lúdico e con prácticas individualizadas, terán lugar no comedor do Colexio de Fonseca. Entre os docentes estarán o profesor do CIFP Compostela (Santiago) Jorge Carou Horta, con experiencia en restauración en Galicia e Londres, e o cociñeiro e profesor do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Daniel Pulzoni. Para conseguir toda a información sobre o resto dos cursos e formalizar a matrícula, as persoas interesadas deben dirixirse á Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, no Colexio de San Xerome, ou chamar aos teléfonos 881811018 e 881811103.