Ir o contido principal

Comezan unhas xornadas sobre boas prácticas de innovación educativa en contextos rurais

Comezan unhas xornadas sobre boas prácticas de innovación educativa en contextos rurais
Comezan unhas xornadas sobre boas prácticas de innovación educativa en contextos rurais

Afondar nas boas prácticas desenvolvidas en contextos rurais, promovendo a reflexión acerca das dinámicas socioambientais, culturais, educativas e económicas que lles atinxen é o propósito dunhas xornadas que se desenvolverán este mércores 28 e o venres 29 na Facultade de Ciencias da Educación.

As V Xornadas de Innovación Educativa Rural, pensadas para as persoas interesadas en promover a mellora das condicións de vida no medio rural, buscarán presentar os espazos rurais como potenciais catalizadores dun desenvolvemento integral e valorar a importancia da lingua galega como elemento vertebrador das comunidades.

O encontro inaugurarase este mércores 27 ás 16.00 horas na sede da Facultade do Campus Norte nun acto no que participarán o vicedecano de Estudantes, Mobilidade e Cultura, Martín Leránoz Iglesias; e os docentes do Departamento de Pedagoxía e Didáctica Jesús Rodríguez Rodríguez, María do Carmen Cambeiro e Alexandre Sotelino.

A continuación terá lugar unha mesa redonda na que se analizarán quince anos de proxectos compartidos en Xermade e a representación teatral da obra ‘Unha escola en branco en negro’ a cargo do Grupo Accidental Carballo Vivo-Friol, dirixida por José María Carricoba.

As sesións do venres 29 trasladaranse á Aula Frei Martín Sarmiento do centro no Campus Sur co relatorio ‘Estratexias e recursos para a dinamización do territorio. O caso do Val do Ulla’ a cargo da Asociación Raiceiros, que contará a súa experiencia. Co tratamento da innovación educativa no CRA Boqueixón-Vedra Neira Vilas pecharase esta quinta edición do encontro, organizado pola Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2019.