Comezaron os actos de celebración dos 25 anos da Licenciatura de Odontoloxía
A Licenciatura en Odontoloxía iniciou este venres o programa conmemorativo do 25 aniversario da súa creación logo da posta en marcha en 1983 da Escola de Estomatoloxía da USC. O primeiro dos actos previstos celebrouse no Recanto da Saudade do Campus Sur coa inauguración dunha placa conmemorativa, ao que acudiron o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José Mª Fraga; a vicedecana do mesmo centro, Mª Jesús Mora; e o presidente e o vicepresidente da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Perfecto Yebra Martul-Ortega e José M. Gándara Rey, respectivamente.
Xa este sábado 9, os odontólogos celebraron a festividade da súa patroa Santa Apolonia nunha xornada á que asistiu unha importante representación dos preto de mil profesionais licenciados na USC nestes últimos 25 anos. A sesión comezou coa celebración dunha misa en San Benito para continuar no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía, cunha conferencia do profesor e doutor honoris causa da USC, Juan Sebastián López Arranz. Na súa intervención analizou a evolución da profesión nos últimos anos, a transformación da Estomatoloxía en Odontoloxía e os seus recordos persoais na Universidade compostelá, da que foi docente de Ciencias Morfolóxicas.
A xornada matinal completoue coa inauguración na planta baixa da facultade da exposición conmemorativa '100 Anos de Odontoloxía en Galicia e 25 de Odontoloxía na USC', que patrocinan a Vicerreitoría de Cultura, a Fundación Caixa Galicia e a Xunta de Galicia.
Xa pola noite, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia entréganse as medallas conmemorativas dos 25 anos de Odontoloxía na USC e preséntase o libro conmemorativo do Aniversario.