Comezaron en Compostela os primeiros cursos de verán da USC
Os cursos de verán da Universidade de Santiago comezaron este luns 7 en Compostela. En concreto foron dous os cursos, ‘Como transmitir malas noticias. Aspectos psicolóxicos, clínicos e ético-xurídicos’ e ‘Avellentamento poboacional=avellentamento social? As implicacións do avellentamento en Galicia’.
O curso ‘Como transmitir malas noticias. Aspectos psicolóxicos, clínicos e ético-xurídicos’ inaugurouno o reitor Senén Barro no Salón de Actos da Facultade de Medicina, cunha intervención na que lembrou o incremento cuantitativo da oferta estival de cursos da institución docente, xunto coa súa descentralización. Non obstante, Barro subliñou que o obxectivo “irrenunciable” desta programación está intimamente vinculado coa calidade dos programas propostos.
Deseguido interveu o catedrático da USC Rodríguez Juanatey cunha conferencia sobre o impacto das enfermidades cardiovasculares en Galicia sobre a calidade de vida e moralidade.
Dirixido polos profesores Domingo Estaban Gómez, Rafael López e Ramón González Juanatey, neste curso analizarase, ata o día 11, a conspiración do silencio nos familiares de enfermos terminais ou en risco de cara a garantir a súa autonomía. Tentarase ademais difundir as características psicolóxicas e clínicas dos enfermos terminais ou en risco e fundamentar na ética e no dereito as decisións sobre a información de carácter comprometido para o enfermo e as súas familias.
O avellentamento en GaliciaO curso ‘Avellentamento poboacional=avellentamento social? As implicacións do avellentamento en Galicia’, que se desenvolverá no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC ata o 9 de xullo baixo a dirección de Isidro Dubert, foi inaugurado polo vicerreitor de Cultura, Elias Torres.
Na xornada do propio luns presentáronse as claves do problema do avellentamento poboacional e as súas implicacións desde unha perspectiva comparada da man de expertos de Galicia, Portugal e España. A xornada rematou cunha mesa redonda, na que se incidiu na transcendencia desas implicacións. Nas seguintes xornadas analizaranse o imaxinario social e a realidade da vellez en Galicia e a aplicación das políticas públicas de benestar a terceira idade.