Ir o contido principal

Comezaron na EPS as xornadas de reunión do Grupo de Traballo de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura

A Escola Politécnica Superior da USC acolle este mércores e xoves, 1 de marzo, a reunión anual do Grupo de Traballo de Técnicas e Equipos de Aplicación de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).
Ao acto de inauguración destas xornadas asistiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o delegado provincial de Medio Rural da Xunta, Emilio López; o xefe do Servizo de Medios de Produción do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Félix de la Fuente; e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, encargado de dar oficialmente a benvida aos participantes. Pola súa banda, o vicerreitor de Coordinación do Campus, aproveitou a ocasión para felicitar á Escola Politécnica e ao seu recén elixido director por iniciativas como esta e agradeceu ao Grupo de Traballo que escolleran o campus lugués para a súa reunión xa que son moitas as titulacións e estudos relacionados coa temática a tratar.
Neste encontro de traballo, organizada pola EPS coa colaboración da Consellaría do Medio Rural de Galicia, reúnense os responsables dos servizos de inspección de maquinaria de aplicación de fitosanitarios das diferentes Comunidades Autónomas co obxectivo de pór en común os últimos avances neste sector. Tamén asistirán os representantes do MAPA para explicar os apartados da Lei de Sanidade Vexetal relacionados co rexistro da maquinaria de aplicación e as súas correspondentes inspeccións.
A primeira xornada foi aproveitada polos investigadores das principais universidades españolas para expor os avances tecnolóxicos en canto a maquinaria de aplicación de produtos fitosanitarios. Este mesmo día, a Consellaría de Medio Rural da Xunta explicou as súas liñas de traballo no campo da sanidade vexetal en Galicia. Despois foi a quenda dos grupos de investigación da EPS que amosaron as súas experiencias na protección de cultivos e na mecanización agraria.
Este xoves, 1 de marzo, resérvase para realizar unha visita a unha explotación cercana e para as demostracións prácticas da inspección de pulverizadores agrícolas que correrán a cargo do equipo da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia e que se realizarán na finca de prácticas que a Escola Politécnica posúe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2007.