Ir o contido principal

Comezaron as xornadas de divulgación ‘A conservación do Medio Natural, tarefa común’ demandando protección para a plataforma continental e o cantil galego

Comezaron as xornadas de divulgación ‘A conservación do Medio Natural, tarefa común’ demandando protección para a plataforma continental e o cantil galego
Comezaron as xornadas de divulgación ‘A conservación do Medio Natural, tarefa común’ demandando protección para a plataforma continental e o cantil galego

“Os fondos profundos das costas de Galicia son un patrimonio natural que, de non tomárense medidas urxentes, se estragará ou desaparecerá irremediablemente”, afirmou o catedrático de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela Victoriano Urgorri Carrasco na xornada inaugural das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, que organizadas pola USC se van celebrar nos vindeiros meses en diversos puntos da xeografía galega. Para Urgorri “é perentorio desenvolver medidas de protección, cando menos para algúns destes fondos, non só pola diversidade que atesouran, senón tamén porque albergan moitos fósiles de grande interese para a ciencia”, salientou o catedrático. Victoriano Urgorri, xunto á investigadora da Estación de Bioloxía Mariña da Graña Xela Cunha Veira e moderados polo xornalista Xoán Piñeiro Cochón, trataron o tema ‘A biodiversidade da plataforma e cantil de Galicia: uns fondos excepcionais necesitados de medidas de conservación’, en dúas sesións, unha para o alumnado de Bacharelato do IES Nº 1 de Ribeira e outra no Centro Cultural Lustres Rivas aberto ao público en xeral. En ambas as citas, tanto o catedrático de Zooloxía como a investigadora Xela Cunha puxeron de manifesto que os fondos mariños galegos son áreas de alta biodiversidade pero que permanecen en grande medida inexplorados, “aínda que –destacaron- gran parte deles son explotados comercialmente para algunhas especies de peixes e crustáceos”. Estes fondos profundos das costas de Galicia teñen unha orografía semellante á terrestre con montañas, vales, chairas, canóns ou cantís e sofren condicións moi extremas, ausencia total de luz, baixas temperaturas (entre 2 e 4°C), elevadas presións, boa osixenación e un hidrodinamismo variado que conxuntamente coa natureza xeolóxica determinan unha moi ampla variedade de substratos. Para os investigadores da USC, “os fondos profundos dos océanos constitúen un hábitat de grande extensión, cunhas características físico-químicas moi particulares”, o que os converte, engadiron, “nun ambiente moi importante para un amplo conxunto de organismos que constitúen o bentos da plataforma e cantil”. “A fauna que vive neles (non hai vexetais pala ausencia de luz) caracterízase maiormente pola miniaturización, cunha elevada diversidade e baixa biomasa”, afirmaron os investigadores, que salientaron que “os animais posúen deseños corporais específicos e particulares e gran parte deles son animais milimétricos dos que moitos son descoñecidos para a ciencia”. A conferencia rematou cunha proxección na que se amosaron especies de gran beleza que hai en Galicia e que moita xente descoñece. Como sinalou Urgorri, “non fai falla ir de vacacións para ver marabillas”. Ciclo de conferencias A cita de Ribeira é a primeira que se celebra dentro destas xornadas divulgativas que organiza a Universidade de Santiago de Compostela e patrocina Turismo de Galicia a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. En total o ciclo percorrerá 20 concellos vinculados ao Camiño de Santiago. A vindeira cita será en Sarria, este mesmo venres, e versará sobre ‘Modelado en 3D e ortofotos dos elementos patrimoniais’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2014.