Comezou o curso de formación para informadores de Oficinas de Turismo e Guías
O VI Curso de formación para informadores de Oficinas de Turismo e Guías que organiza o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da USC botou a andar este xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Homologado pola Xunta de Galicia en 50 horas, o curso impárteno destacados especialistas no sector tanto da universidade como da Administración ou o sector privado. Na inauguración participaron a secretaria de Turismo de Galicia, Nava Castro; a decana da facultade anfitrioa, Emilia Vázquez Rozas; a profesora María Luisa del Río en representación do Máster de Turismo da USC; e os directores do curso, Miguel Pazos Otón e Piar Taboada-de-Zúñiga. A continuación, tivo lugar a conferencia ‘O Camiño de Santiago: Unha aproximación ao seu carácter polisémico dende a xeografía cultural e do turismo’ a cargo de Lucrezia López, da USC. Cada unha das xornadas que se desenvolverán os xoves e venres pola tarde ata o 24 de abril estarán orientadas a un ámbito turístico especializado: o turismo relixioso e espiritual; a auga como recurso turístico; o turismo industrial; psicoloxía e accesibilidade; natureza; innovación en turismo; enogastronomía, con especial interese no mundo do café para o que se contará con profesores universitarios colombianos; paisaxe e natureza como recursos con grandes posibilidades de promoción; e a aplicación das novas tecnoloxías nas visitas turísticas ou a mercadotecnia turística e a web.