Ir o contido principal

Comezou en Dereito o congreso internacional ‘Espazos globais e seguridade: estratexias de resposta española’

Comezou en Dereito o congreso internacional ‘Espazos globais e seguridade: estratexias de resposta española’
Comezou en Dereito o congreso internacional ‘Espazos globais e seguridade: estratexias de resposta española’

A Facultade de Dereito da USC acolleu este mércores a inauguración do congreso internacional ‘ Espazos globais e seguridade: estratexias de resposta española’ cuxo programa continuará os próximos días 18 e 19. Trátase dunha actividade promovida polo Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) e o Grupo de Estudos Internacionais (GRESIN) e dirixida polos profesores José Julio Fernández Rodríguez, Rafael García Pérez e Isabel Lirola Delgado. O cadro de relatores/as inclúe destacados expertos/as nacionais e internacionais do ámbito académico, profesional e dos corpos de seguridade do Estado.

O programa do congreso desenvólvese como un foro de reflexión e diálogo, dirixido a estudantado da USC así como a todas as persoas interesadas nos temas de seguridade. A inauguración deu paso á conferencia de Juan Francisco Martínez Núñez, de SEGENPOL, titulada ‘Os obxectivos da seguridade e defensa nacional’. Deseguido Joaquín Castellón Moreno, do Departamento de Seguridade Nacional, falou das ameazas e desafíos para a seguridade nacional, mentres que o analista internacional Bartolomé Bauzá Abril referiuse aos espazos comúns globais.

Os promotores do congreso parten da idea de que a seguridade do século XXI está sometida a “ riscos e ameazas de diversa índole que presionan a calidade das nosas democracias. Os poderes públicos vense obrigados a articular respostas que enfronten esta situación e a intenten superar”. Neste senso, opinan ademais que “España, como nación relevante na orde internacional e emprazada nun lugar estratéxico, debe afrontar tamén este desafío con rigor e seriedade, para o cal se teñen aprobado diversas estratexias” coas que facer fronte aos principais problemas que suscita a seguridade nacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2018.