Comezou en Dereito o primeiro congreso Iberoamericano sobre Novos Desafíos Xurídicos
Organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con outras universidades e o Valedor do Pobo, o I Congreso Iberoamericano sobre Novos Desafíos Xurídicos buscará fortalecer o debate científico e a reflexión académica en relación á crise do dereito e das institucións políticas. Entre este xoves e o venres 30, o congreso desenvólvese na Facultade de Dereito.
O encontro diríxese a investigadores xuristas, docentes, coordinadores de proxectos de investigación e persoal de calquera administración pública que teña relación científica co Dereito no espazo iberoamericano. Entre as liñas temáticas a tratar figuran cuestións como os dereitos humanos na orde iberoamericana, a crise do dereito e da política iberoamericana, as políticas públicas e a efectividade dos dereitos, a figura do ombudsman, a protección de datos persoais e Internet no marco xurídico iberoamericano ou o dereito ambiental.
O congreso está dirixido polos profesores da USC Teresa Carballeira Rivera e Antonio Carlos Pereira Menaut e coordinado polos doutorandos Rubén Miranda Gonçalves e Fábio da Silva Veiga. Do comité científico forman parte ilustres personalidades, dende ministros de Tribunais Constitucionais ata docentes internacionalmente recoñecidos, pasando por un ex presidente do Tribunal Constitucional de Perú.