Ir o contido principal

Comezou na Facultade de Física a cuarta edición da Escola Internacional de Verán sobre as fronteiras da fotónica e das tecnoloxías láser

Grupo de estudantes que participan na cuarta edición da Escola de Verán Internacional
Grupo de estudantes que participan na cuarta edición da Escola de Verán Internacional

A fotónica e a tecnoloxía láser son o tema ao redor do que versa a escola de verán internacional iniciada este martes 21 na Facultade de Física organizada polas tres universidades galegas para licenciados, graduados e estudantado de últimos cursos de titulacións de Ciencias e para profesionais da empresa con interese en especializarse nestes dous temas. ‘Frontiers in Photonics and Laser Techonologies’ celebrarase na Facultade compostelá ata este xoves 23 coa presenza de relatores pertencentes a institucións investigadoras e a empresas do sector tecnolóxico ou sanitario, entre outros, procedentes de España, Portugal ou Francia. Esta é a cuarta edición deste encontro que se celebrara para difundir e informar ás persoas interesadas das aplicacións da fotónica no mundo da investigación e no contorno empresarial. Segundo a profesora Maite Flores trátase ademais dun preludio do máster organizado polas tres universidades galegas sobre ‘Fotónica e Tecnoloxías de Láser’. Este é un posgrao que se retransmite por videoconferencia para todos os campus galegos e que, ata o momento, ten acadado un 100% de éxito na posterior inserción laboral dos seus estudantes, con saídas no eido da investigación e no mundo da empresa. Nestes tres días en que se desenvolve a Escola de Verán impartiranse relatorios, unha mesa redonda e un obradoiro nos que se mostrarán aplicacións prácticas da tecnoloxía fotónica en diversos sectores industriais ou a sanidade así como as liñas de investigación de centros internacionais que traballan neste eido. Tamén se inclúe unha visita a laboratorios da USC dedicados á fotónica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2011.