Comezou o período de apertura en horario extraordinario das bibliotecas de Santiago e Lugo
A Concepción Arenal e a Intercentros de Lugo iniciaron o luns 5 o horario extraordinario de apertura das bibliotecas universitarias, período que se vai estender entre os meses de decembro de 2016 e xaneiro de 2017 para atender a demanda tanto do período lectivo como do de cualificacións. Así, estas dúas bibliotecas ampliarán ata o 22 de decembro o seu horario, estando abertas ao público ata as 3.00 horas.
A Intercentros do campus lugués manterá este horario igualmente entre o 2 de xaneiro e o 26 de xaneiro. Mentres, a Concepción Arenal seguirá abrindo as súas portas ata as 3.00 horas entre os días 2 e 8 de xaneiro para, entre o 9 e o 26 de xaneiro pasar a abrir as 24 horas do día, de luns a domingo.
Durante o mes de decembro, tamén abrirá en horario ampliado - dende as 10.00 ás 22.00 horas- a sala de lectura da Facultade de Dereito o xoves 8 e nas fins de semana do 10 e 11 e na do sábado 17 e domingo 18.
Reforzo de fin semana
Ademais, coincidindo co período de cualificacións, nas fins de semana do 14 e 15 e do 21 e 22 de xaneiro, abrirán salas de traballo de 10.00 a 22.00 horas a Biblioteca Xeral, a biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a sala de lectura da Facultade de Dereito.
Todas as persoas interesadas poden tamén consultar na sección ‘ Horarios’ os relativos a cada centro xa que ao longo destes días cada un deles irá actualizando a información propia sobre ampliación de horario ou calquera variación na apertura e o peche.