Ir o contido principal

Comezou na USC o XIII Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes de Medicina

Comezou na USC o XIII Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes de Medicina
Comezou na USC o XIII Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes de Medicina

Centos de estudantes de Medicina de España e Portugal asisten estes días na USC a unha das actividades organizadas por e para eles máis antigas e coñecidas do ámbito universitario estatal. O XIII Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes de Medicina reúne dende este mércores e ata o venres 2 na Facultade de Medicina a alumnado interesado en presentar as súas investigacións e asistir a conferencias de recoñecidos cirurxiáns internacionais. A cerimonia inaugural presidiuna o reitor Juan Casares e nela participaron ademais o tenente de alcalde do Concello de Santiago, Ángel Curras; os doutores e profesores da USC Miguel Caínzos e José Carro; e o presidente de GiMe, José Luis Montiel. A continuación, Luis Grande Posa, do Hospital do Mar de Barcelona, pronunciou a conferencia de apertura ‘Introdución á investigación durante o período de docencia’. O congreso, que organiza a asociación estudantil GiMe (Grupo Independente de Estudantes de Medicina), conta este ano coa participación dos expertos Enrique Casal, do Meixoeiro de Vigo; Rafael Arriaza, da USP Santa Teresa da Coruña; e Evaristo Varo do CHUS. Tratarán cuestións relacionadas coa obstrución intestinal, o ligamento cruzado anterior e o transplante hepático. Ao longo do encontro desenvolveranse ademais dúas mesas redondas para analizar os avances na materia e a cuestión específica do sangrado en cirurxía, así como diversas sesións de presentación de relatorios orais a cargo dos estudantes participantes. Haberá tamén catro talleres de suturas, de iniciación ao material cirúrxico, de inmobilización articular e de RCP. A conferencia de clausura terá lugar o venres ás 12.30 horas a cargo de Konrad Messmer, da Universidade Ludwig-Maximilians de Múnic, e de seguido procederase á entrega de premios ás mellores comunicacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2011.