A comisión científica da Asociación Internacional de Produtores de Lúpulo aborda en Lugo o futuro do sector
A Asociación Internacional de Produtores de Lúpulo aborda os principais avances científicos e técnicos que afectan á xestión do cultivo de lúpulo, unha planta empregada para a elaboración de cervexa, así como respecto da mellora da súa xenética, calidade e produción orgánica, no marco dun foro internacional que reúne ata o xoves na capital luguesa máis de medio centenar de investigadores e produtores, así como a representantes das principais empresas do sector no panorama europeo.
As primeiras sesións de traballo desta convención científica, organizada en colaboración co grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e na que participan investigadores procedentes de España, Alemaña, Chequia Eslovenia, Bélxica, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Arxentina e Xapón, botaron a andar este luns coa posta en común de diversos estudos relacionados coa xestión do cultivo da planta de lúpulo, a análise da súa xenética e da calidade, e mesmo sobre as aínda incipientes liñas de produción de lúpulo orgánico.
A celebración desta convención científica bienal en Lugo pon en valor o labor desenvolvido nos últimos anos a prol da recuperación e mellora do cultivo e da produtividade desta planta polo grupo operativo Lúpulos de Calidade, un consorcio participado polas administracións autonómicas de Galicia e Castela León, ademais de por cooperativas de produtores e investigadores da Universidade de León e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, segundo indica o responsable do comité organizador local deste congreso, o profesor Javier J. Cancela.
A presentación dos resultados dos últimos proxectos de investigación desenvolvidos arredor do lúpulo en todas as fases do seu ciclo, desde a xestión e optimización de cultivos ata a elaboración e venda do produto final, capitalizará as distintas sesións organizadas ao abeiro dun congreso que recala por vez primeira na capital luguesa.
Os congresistas participantes compaxinarán durante estes días as sesións científicas de presentación de resultados de I+D con diversas visitas técnicas, tal e como son as programadas a unha parcela de cultivo de lúpulo no concello de Abegondo ou ás instalacións de Lutega, a cooperativa agrícola galega a prol do cultivo de lúpulo, e ao museo da cervexeira Estrella Galicia (MEGA), na Coruña.