Ir o contido principal

A Comisión Estatal do Grao de Antropoloxía, reunida na Facultade de Filosofía

A Área de Antropoloxía Social da USC foi a anfitrioa da primeira reunión deste curso. Foto: Alfonso (SERVIMAV)
A Área de Antropoloxía Social da USC foi a anfitrioa da primeira reunión deste curso. Foto: Alfonso (SERVIMAV)

A Comisión Estatal para a implantación do grao de Antropoloxía e para a profesionalización desta disciplina reúnese este venres 19 na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago para debater acerca das últimas novidades e continxencias con relación a estes estudos universitarios en España. Na comisión, que se reúne tres veces ao ano en distintas Universidades de toda a xeografía do estado presidida pola profesora da Autónoma de Barcelona María Valdés, participan representantes das Universidades españolas públicas e privadas nas que están implementados os estudos de Antropoloxía Social. Nesta ocasión, a área de Antropoloxía Social da USC actúa como anfitrioa da primeira xuntanza deste curso. Entre os cometidos deste grupo de expertos e expertas non só figura o estudo da viabilidade ou das posibles dificultades da implantación deste grao senón que ademais traballa con especial atención na definición do perfil profesional e na busca de espazos laborais dun título “ descoñecido, pero indispensable, para a sociedade e con cada vez máis saídas no panorama laboral”, apunta a profesora da USC Nieves Herrero. De feito, a antropoloxía faise necesaria para profundar no estudo das desigualdades e as identidades, as variacións culturais en interaccións e fluxos sociais, o funcionamento de organizacións trasnacionais ou, por exemplo, as situacións de cambio inducido que requiren dunha acción especializada para atender a diversidade cultural.

Precisamente unha das liñas de acción da comisión neste sentido foi a creación do Portal Estatal de Antropoloxía, que presenta o conxunto de institucións de formación e investigación, asociacións, empresas e iniciativas que nese campo existen en España. O web recompila ademais un banco de especialistas sobre múltiples materias da antropoloxía social no que figuran varios docentes da Universidade de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2012.