Ir o contido principal

A Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora modifica os criterios de avaliación da investigación do profesorado

Retírase o criterio que consideraba especialmente relevantes os traballos publicados fóra da universidade de orixe do autor

A Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora acaba de modificar os criterios de avaliación da investigación do profesorado universitario ao retirar o criterio que consideraba como “especialmente relevantes” os traballos “que non estean publicados por la mesma institución na que traballa o investigador”.
A decisión prodúcese longo de múltiples xestións efectuadas dende a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) e secundada por 31 reitores entre eles o entón máximo responsable da Autónoma de Madrid e actualmente ministro de Educación, Ángel Gabilondo. Xunto a el, apoiaron a proposta de cambio os reitores de Abat Oliva CEU, Alcalá, Alacante, Cádiz, Castela A Mancha, CEU Cardenal Herrera, CEU San Pablo, Complutense de Madrid, Córdoba, Coruña, Deusto, Europea Miguel de Cervantes, Granada, Illes Balears, Jaume I, A Laguna, A Rioxa, León, Lleida, Murcia, Oberta de Catalunya, Oviedo, Salamanca, Santiago de Compostela, Sevilla, UNED, Valencia, Valladolid, Vigo e Zaragoza.
A redacción inicial dos criterios de avaliación presupoñía, en opinión de UNE, “un comportamento pouco rigoroso” e “reforzaba a idea, cada vez máis estendida entre o profesorado, de que publicar na mesma universidade non ten valor algún para fins curriculares e académico”.
Segundo a Unión editorial, como primeiras consecuencias os profesores e grupos optaron por publicar fóra da universidade os resultados da investigación producidos e financiados por ela. Ademais e segundo sinala a UNE, moitos destes traballos derivaron cara editoriais privadas “cuxo único criterio de avaliación é, en moitas ocasións, o compromiso de pago da edición por parte dos autores”.
Os responsables do Servizo de Publicación da USC consideran que a modificación efectuada pola Comisión Nacional de Avaliación representa “un éxito de todos que redunda dun xeito directo na dignidade e prestixio da edición universitaria”. Neste mesmo sentido, o presidente do colectivo das editoras universitarias, Francisco Fernández Beltrán, resalta que o cambio na avaliación do profesorado “supón un reforzo do sistema universitario español ao recoñecer implicitamente a importancia que teñen as editoriais universitarias na difusión do coñecemento que se xera nos nosos campus”.
A UNE é a asociación das editoriais e servizos de publicacións das universidades e centros de investigación españois. Na actualidade integran a organización 64 asociados. Os libros que publican as editoriais universitarias españolas representan o 7% da produción nacional anual de libros e o 10% do fondo vivo, dan traballo a 529 profesionais fixos e gozan dun prestixio crecente en Latinoamérica, Estados Unidos e, en xeral, nos países onde interesa a cultura hispánica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2009.