Ir o contido principal

A Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría organiza unha camiñada por Ferrolterra e Ortegal o 28 de abril

Cartaz da rota 'Terra e Mar' por Ferrolterra e Ortegal
Cartaz da rota 'Terra e Mar' por Ferrolterra e Ortegal
A rota ‘Terra e Mar’, ofrece un total de 40 prazas. As persoas interesadas poden inscribirse xa e de balde a través do enderezo electrónico mariadomar.perez@usc.es

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría organiza unha rota pola comarca de Ferrolterra e Ortegal o vindeiro 28 de abril. Esta nova edición das camiñadas da EPS de Enxeñaría leva por título ‘Terra e Mar’ e antóllase como unha boa oportunidade para achegarse ás comarcas de Ortegal e Ferrolterra.

Esta xornada de carácter mariñeiro é unha iniciativa totalmente gratuíta para as persoas interesadas, que poden formalizar xa a súa inscrición a través do enderezo electrónico mariadomar.perez [at] usc.es (mariadomar[dot]perez[at]usc[dot]es). Os promotores desta iniciativa ofrecen un total de 40 prazas, das que a metade está reservadas para integrantes da comunidade universitaria da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo.

O programa da xornada é variado e depara a posibilidade de gozar e pasar nun só día do patrimonio industrial, o turismo urbano e o paseo pola ría en Ferrol, á natureza e ás xoias xeolóxicas do Ortegal, para rematar cunha visita explicativa aos espazos mineiros no lago das Pontes agora rehabilitados como praia.

As persoas inscritas para participar expedición da rota ‘Terra e Mar’ partirá o 28 de abril no autobús que sairá ás 9.30 horas da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo cara a Ferrol. Unha vez chegados á cidade departamental, os excursionistas poderán realizar unha visita guiada ao Museo de Construción Naval, seguida dun paseo comentado polo barrio da Magdalena ata o peirao. Un rota en barco pola ría de Ferrol será o preludio do xantar.

O autobús da expedición partirá pola tardiña de Ferrol cara a Cedeira, onde está prevista unha visita guiada polo xeólogo Fran Canosa pola futuro xeoparque que constitúe o Complexo Cabo Ortegal. Na viaxe de regreso a Lugo, os viaxeiros farán unha parada comentada no lago artificial de As Pontes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.