Ir o contido principal

A Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría organiza este mes unha camiñada guiada pola ribeira do Miño

Cartaz da camiñada polos caneiros de Lugo
Cartaz da camiñada polos caneiros de Lugo
As persoas interesadas en participar nesta actividade gratuíta poden formalizar xa a súa inscrición a través do enderezo electrónico esther.gomez@usc.es

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC organiza o vindeiro 17 de outubro unha camiñada pola ribeiras do río Miño, na que participarán como guías Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, e Ana Cabana Iglesia, profesora do Departamento de Historia da USC.

As persoas interesadas en tomar parte nesta actividade, para a que se ofrece un número limitado de prazas a fin de mellorar o aproveitamento desta experiencia, poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico esther.gomez [at] usc.es (esther[dot]gomez[at]usc[dot]es).

As ribeiras do Miño son un espazo moi interesante a nivel biolóxico (paisaxes agrícolas, vexetación de ribeira, aves acuáticas, pequenos mamíferos, réptiles e anfibios...), pero tamén desde o punto de vista histórico e antropolóxico. Séculos de actividade humana nas súas beiras e no seu leito foron deixando unha pegada en forma de aceas, lavadoiros, caneiros... que revelan a importancia que o río tiña para a vida da cidade, se somos quen de entender os sinais que transmiten.

A camiñada organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría de Lugo polas ribeiras do río Miño presenta un nivel de dificultade baixo. A expedición de camiñantes partirá ás 16.00 horas desde a pasarela de madeira que conecta a sede universitaria luguesa co paseo do Miño, lugar ao que regresarán todos os camiñantes arredor das 20.00 horas, unha vez completado o recorrido deseñado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.