Ir o contido principal

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior organiza este sábado unha camiñada polo Courel

Cartaz da expedición polo Courel
Cartaz da expedición polo Courel
O autobús da expedición partirá ás 9.30 horas de diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra da USC organiza este sábado 6 de maio unha camiñada pola serra do Courel, a través da que as persoas participantes terán a oportunidade de gozar conxuntamente da lingua e da natureza.

As persoas interesadas en tomar parte nesta expedición, que é de carácter gratuíto, agás a comida, poden formalizar a súa inscrición ou solicitar información ao respecto a través do enderezo electrónico esther.gomez [at] usc.es (esther[dot]gomez[at]usc[dot]es). O plan da viaxe, que é acaída para persoas de calquera condición física, contempla a saída en autobús ás 9.30 horas, diante da Facultade de Formación do Profesorado, cara o Courel, onde se realizará unha visita á Estación Científica localizada en Seoane do Courel, no marco da que se dará unha charla sobre as peculiaridades lingüísticas (toponimia) da zona.

Xa en quenda de tarde e despois de xantar, os camiñantes poderán participar nun percorrido duns 6 quilómetros de distancia pola contorna de Seoane. Este itinerario, que será guiado polo profesor da USC na EPS Manuel Antonio Rodríguez Guitián, permitirá aos participantes gozar do espertar da primavera courelá, ademais de observar os efectos da relación do ser humano co medio (usos tradicionais do monte, arquitectura tradicional, minaría, silvicultura intensiva...). O regreso á cidade de Lugo está previsto para as 20.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.