As Comisións de Igualdade dos centros traballan na difusión do novo Protocolo fronte as violencias sexuais e o acoso

Comisións de Igualdade dos centros, centros de investigación, ademais de cadros directivos dos colexios maiores e residencias universitarias que integran o Servizo Universitario de Residencias, reuníronse este mércores nun encontro no Centro de Estudos Avanzados (CEA) para abordar, entre outras cuestións, a necesidade de intensificar e aumentar a difusión do novo Protocolo fronte as violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na USC, unha das ferramentas esenciais da institución para garantir os dereitos das persoas acosadas e detectar e combater situacións de acoso.
O texto foi aprobado a finais de 2024 e, da man da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, o obxectivo agora é acadar unha axeitada difusión entre toda a comunidade universitaria dos mecanismos deste protocolo cuxa finalidade é crear “un marco normativo e de políticas activas para garantir os dereitos das persoas acosadas e detectar e combater as situacións de acoso”.
Este encontro de traballo tamén serviu para determinar cuestións relativas ao fluxo de traballo conducente á elaboración do novo Plan Estratéxico de Igualdade, que será o cuarto e dará relevo ao que estivo vixente entre 2021 e 2024.
A xuntanza estivo coordinada pola Delegada do Reitor para a Igualdade, Sonia E. Rodríguez Boente, quen se referiu ao Protocolo indicando a necesidade de aumentar o seu grao de coñecemento no conxunto da comunidade universitaria. Rodríguez Boente salientou tamén a boa disposición e vontade de traballo das comisións para afrontar a elaboración do novo Plan Estratéxico de Igualdade.
Toda a información sobre o protocolo así como unha guía fronte ao acoso sexual, o modelo para a presentación de instancias, o procedemento ou o formulario para a presentación de denuncias está dispoñible no web.
