As Comisións de Normalización Lingüística propoñen o debate sobre a lingua a muller e o medio rural nunhas xornadas que se iniciarán en marzo en Lugo
Tendo en conta a orientación formativa do Campus de Lugo en relación ao Medio Rural, as Comisións de Normalización Lingüística (CNL) das facultades de Humanidades, Veterinaria e de Formación do Profesorado e da Escola Politécnica Superior impulsan as ‘Xornadas sobre Lingua, Muller e Dinámica Social’ que terán como eixo central o trinomio lingua, muller e medio rural. Esta iniciativa promóvese como continuación das primeiras xornadas ‘Achegándonos ao Medio Rural’ que organizaran por vez primeira vez dende a Comisión da Facultade de Veterinaria. Polo tanto trátase dunha segunda edición enfocada desta volta ás mulleres e á lingua dentro do ámbito do rural. A actividade terá lugar os días 16, 23 e 30 de marzo e o 6 e o 14 de abril en diferentes emprazamentos universitarios de Lugo e organizarase arredor de catro mesas redondas e unha conferencia marco. Cada un dos debates fixarase arredor de experiencias de mulleres que apostaron polo rural en relación aos centros e á difusión dos usos lingüísticos. Entre as finalidades que perseguen dende as CNL do Campus de Lugo con estas xornadas está o obxectivo de dar a coñecer o papel das mulleres na transmisión dos recursos lingüísticos en función do contexto galego. Por outra banda, preténdese pór de manifesto a permeabilidade das dinámicas entre rural-urbano e local-global dende o punto de vista da función social das mulleres, así como difundir experiencias profesionais de mulleres que teñen como base o uso da lingua galega, e achegar a realidade das mulleres do rural á comunidade universitaria e ao público en xeral.
A matricula é de balde e o prazo de inscrición permanecerá aberto deica o 14 de marzo, dirixido a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral. Pódese formalizar esta matrícula a través do enderezo web http://usc.es/snl/dinamiza/mediorural.htm