Un comité de especialistas de primeiro nivel internacional avalía o labor do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
O Comité Científico Asesor do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), composto por cinco membros externos ao centro, avaliaron este xoves e o venres a estratexia científica e a calidade da investigación que se realiza neste centro emprazado na USC e recoñecido como a única Unidade de Excelencia María de Maeztu acreditada en Galicia. Estas avaliacións externas constitúen a pedra angular sobre a que se constrúe o modelo de funcionamento do IGFAE, instituto mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. As recomendacións do comité serán incluídas na definición estratéxica e nas prioridades para os próximos anos.
Con experiencia na dirección dalgún dos máis importantes centros de investigación do mundo, a comitiva estivo formada por Sergio Bertolucci (director científico e de computación do CERN entre 2009 e 2015), Paolo Giubellino (director das infraestruturas GSI e FAIR en Darmstadt), Gabriela González (voceira do experimento LIGO entre 2011 e 2017, incluíndo o momento do descubrimento das ondas gravitacionais), Franzis Halzen (iniciador das colaboracións científicas AMANDA e IceCube no Polo Sur) e Larry McLerran (director do Institute for Nuclear Theory the Seattle).
O programa de avaliación desenvolvido nestas dúas xornadas incluíu reunións con todo o persoal investigador implicado en cada un dos oito programas de investigación que se desenvolven no IGFAE, organizados en tres áreas estratéxicas: O Modelo Estándar ata os límites, Partículas cósmicas e física fundamental e Física nuclear, dende o laboratorio ata a mellora da saúde das persoas, para avaliar a adecuación á planificación estratéxica da Unidade, a calidade da investigación realizada e a identificación de oportunidades de reorientación, potenciación, apertura ou peche de cada actividade da investigación.
O Comité visitou tamén os espazos que ocupa o IGFAE nos distintos bloques da Facultade de Física e o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións (L2A2) da USC para avaliar a adecuación dos recursos dispoñibles aos seus obxectivos. A visita rematou cunha reunión e almorzo dos membros do comité con representantes da USC e a Xunta de Goberno, incluíndo á conselleira de Educación, Universidades e Formación, Carmen Pomar; o reitor da USC, Antonio López; o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzuri; e o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, entre outros/as.