Ir o contido principal

O Comité de Finanzas do Observatorio Pierre Auger reuniuse en Santiago para avaliar os últimos resultados de investigación acadados polo centro

O grupo de investigación de Astrofísica de Partículas da USC, que dirixe Enrique Zas, participa activamente no labor do Observatorio, o maior do mundo

O Comité de Finanzas do Observatorio Pierre Auger, o maior observatorio do mundo, celebrou este venres 30 unha xuntanza en Santiago para avaliar a marcha deste proxecto de cooperación internacional no que participa o profesor da USC Enrique Zas así como os últimos resultados de investigación alcanzados.
Na xuntanza estiveron presentes representantes das axencias de financiamento dos 17 países implicados nesta gran colaboración. De España, ademais de Enrique Zas, participou tamén o xestor do Plan Nacional de Física de Partículas e Aceleradores, Juan Fuster.
O grupo de investigadores de astrofísica de partículas dirixido por Zas participa moi activamente no labor desenvolvido por este observatorio emprazado na localidade arxentina de Mendoza. Un dos primeiros resultados deste centro puxo de relevo que as partículas más enerxéticas que se reciben na Terra son de orixe extra galáctico e proceden de rexións nas que existen núcleos activos de galaxias.
Neste senso, os resultados publicados recentemente na prestixiosa revista Science abren un gran abano de posibilidades nesta disciplina a cabalo entre a física de partículas, a astrofísica e a cosmoloxía. A observación destas partículas posibilita unha nova forma de facer astronomía permitindo ademais o estudo de interaccións entre partículas elementais a enerxías inalcanzables nos grandes aceleradores de partículas en proxecto.
Estes resultados foi un dos temas centrais de discusión por parte do Comité de Finanzas que, ademais do progreso científico, supervisa tamén todos os aspectos prácticos do proxecto, dende a construción do observatorio, próxima a rematar, ata o funcionamento da colaboración internacional que o leva a cabo.
O Pierre Auger, o maior observatorio do mundo, cubre con 1600 detectores de partículas unha superficie de 3.000 km cadrados (equivalente á provincia de Pontevedra) e dispón de 24 telescopios para observar o volume de aire sobre esta superficie así como detectar a débil traza de luz de fluorescencia que queda na atmosfera cando chega unha destas partículas tan enerxéticas.
O custe deste proxecto aproxímase aos 40 millóns de euros e para o seu funcionamento anual require uns 800.000 euros. España participou na construción dos sistemas de potencia baseados en paneis solares fotovoltaicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2007.