Ir o contido principal

A Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo protagoniza o segundo encontro con estudantes na Bal y Gay

Os universitarios de Lugo poderán coñecer de primeira man o traballo e as experiencias persoais dos membros da Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo. Será no encontro que se desenvolverá este martes 16 ás 21:30 horas na Residencia Universitaria Bal y Gay.
Esta xuntanza é a segunda do ciclo de encontros que Lugo Cultural organizará ata o vindeiro mes de maio co fin de que os estudantes lugueses amplíen a súa oferta de lecer ao tempo que se achegan ás experiencias de profesionais de diferentes campos artísticos, como a música, a danza ou o teatro.
A Aula de Teatro da USC en Lugo naceu hai agora 16 anos da man de Tareixa Campo, e con trinta e seis inscritos, no ximnasio da Escola Universitaria de Formación do Profesorado. A creación deste grupo aportou á cidade un espazo de formación, creación, experimentación, produción e distribución teatral que sería ademais berce de moitos actores e actrices.
Na actualidade, a Compañía de Teatro da USC do Campus de Lugo conta coa participación dunha vintena de persoas que, baixo a dirección de Alberte Cabarcos, traballan nun espectáculo que se estreará no Festival Internacional de Teatro Universitario.
Ademais desta compañía teatral, o campus lugués conta con dous grupos independentes, o Grupo de Teatro da Residencia Universitaria Bal y Gay ‘Tic Teatro’ e ‘Gula Gula’ de recente creación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2010.