Ir o contido principal

A Compañía de teatro da USC de Lugo abre o domingo o XIV Festival Internacional no campus

Un momento da representación da obra 'O Público' da Compañía de teatro da USC-Campus de Lugo
Un momento da representación da obra 'O Público' da Compañía de teatro da USC-Campus de Lugo
Serán un total de oito representacións, unha por día agás o xoves, ata o 7 de abril

A Compañía de teatro da USC no Campus de Lugo abrirá este domingo o Festival Internacional de Teatro Universitario, que este ano chega xa á súa XIV edición e no que participan oito grupos, seis de procedencia nacional e dous estranxeiros. Este festival englóbase dentro da programación do Convenio Lugo Cultural no que están integradas a USC, o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.
O festival consistirá en oito representacións cun marcado carácter social, unha por día, ata o 7 de abril, con descanso o xoves 3. Será por tanto a Compañía da USC en Lugo a que abrirá as representacións, o domingo ás 22:00 horas, coa posta en escena da obra ‘O Público’, de Federico García Lorca, no Auditorio Gustavo Freire. Pola outra banda, a súa homónima de Santiago será a encargada de pechar o ciclo o día 7 coa obra ‘As raíñas’, de Werner Schwab, ás 20:30 horas, tamén no Auditorio.
Entre estas dúas citas figuran as representacións correlativas, de luns a venres, de ‘Peter Sant Lluc, do grupo de teatro da Universitat de Valencia; ‘84’, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense; ‘Pizcas’, de Teatro Dallas (EE.UU.); ‘Lesao cerebral’, da Escola de Arte Dramática da Universidade de Sao Paulo (Brasil); ‘No es tan fácil’, dos universitarios de Huelva, e ‘Las relaciones de Clara, da Aula de Teatro da Universidad Pablo de Olavide (Sevilla). Todas as representacións serán de entrada gratuíta e terán lugar no Audiorio Gustavo Freire agás ‘Pizcas’, que será no Círculo das Artes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2008.