Ir o contido principal

A compañía de teatro USC-Lugo arranca en Ourense a xira de ‘Casa de ilusións’, unha obra que levará a Toledo, León e Santiago

A compañía de teatro USC-Lugo arranca en Ourense a xira de ‘Casa de ilusións’, unha obra que levará a Toledo, León e Santiago
A compañía de teatro USC-Lugo arranca en Ourense a xira de ‘Casa de ilusións’, unha obra que levará a Toledo, León e Santiago
A formación dirixida por Paloma Lugilde ofrece este mércores dúas funcións na Miteu de Ourense e o xoves participa en Toledo no Festival Nacional de Teatro Universitario

A compañía de teatro USC-Lugo comeza este mércores no Auditorio Municipal de Ourense a xira da súa última produción, ‘Casa de Ilusións’, unha obra inspirada nos textos de ‘El balcón’, do dramaturgo, poeta e ensaísta francés Jean Genet e con adaptación e dramaturxia de Paloma Lugilde.

A formación de teatro universitario do campus de Lugo abrirá a súa participación na XXIV Miteu de Ourense ás 19.30 horas para, dúas horas máis tarde, ofrecer un novo pase dunha peza. Ao remate da súa dobre intervención en Ourense, a compañía de teatro USC-Lugo emprenderá a viaxe cara a Toledo para participar no Festival de Teatro Universitario, un certame no que a compañía luguesa representará ‘Casa de ilusións’, ás 21.00 no Centro Cultural San Marcos, o mesmo escenario no que a súa directora, Paloma Lugilde, impartirá ao día seguinte, a partir das 16.00 horas, un taller de adestramento de actores.

A terceira parada da xira da compañía de teatro USC-Lugo en 2019 será en León, onde o elenco de actores que dirixe Paloma Lugilde presentará ‘Casa de Ilusións’ o 5 de maio no marco da Mostra de Teatro Universitario, un certame no que tamén ofrecerá dúas funcións. Xa de volta en Galicia, o Teatro Principal de Santiago acubillará o 14 de maio outra representación da última produción da compañía de teatro USC-Lugo, que pecha así na Mostra de Teatro Universitario de Galicia a súa xira deste ano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2019.