Ir o contido principal

A compañía TeatroUSC-Lugo estrea ‘Casa de ilusións’ este sábado no ‘Gustavo Freire’ no XXV Festival de Teatro Universitario

Paula Seoane e Antonella Sturla, nun ensaio de 'Casa de ilusións'
Paula Seoane e Antonella Sturla, nun ensaio de 'Casa de ilusións'
A formación dirixida por Paloma Lugilde ofrecerá ás 20.00 horas o primeiro pase dunha obra que replicará do domingo 31 con dúas representacións ás 18.00 e 20.30 horas

A compañía TeatroUSC-Lugo, que coordinada e dirixe Paloma Lugilde, estrea este sábado, a partir das 20.00 horas, no auditorio Gustavo Freire de Lugo, a obra ‘Casa de ilusións’, unha peza baseada na peza orixinal ‘El Balcón’, de Jean Genet, pero adaptada e con dramaturxia de Paloma Lugilde.

‘Casa de ilusións’, a obra coa que participa a formación teatral do campus de Lugo no XXV Festival de Teatro Universitario, está ambientada nun bordel de luxo ao que varios persoeiros acoden para sublimar as súas fantasías e ilusións sadomasoquistas. Trátase dunha peza que transcende a realidade de comedia erótica para asomar un drama metafísico e tamén unha reflexión sobre a morte.

Esta peza afonda na dualidade da ilusión, na que todo é falso ao tempo que verdadeiro. A partir da ilusión, a mitoloxía do bordel espreme a potencia sexual e favorece o desbordamento da paixón, ao ofrecer unha existencia prestada a calquera persoa. Daquela, ‘Casa de ilusións’, antóllase como unha obra de vertixe na que cada unha das habituacións ou estancias que se teñen por reais devén en ilusión, na propia ilusión de que cada quen.

O elenco de actores que conforma a compañía TeatroUSC-Lugo, un grupo de teatro universitario integrado por Antonella Sturla, Miguel Torres, Pablo Fernández, Ramón Fernández, Paula Seoane e Alejandro Muñoz, estreará este sábado ‘Casa de ilusións’ no auditorio Gustavo Freire de Lugo, o mesmo escenario no que o domingo replicará a súa representación en dúas actuacións, programadas para as 18.00 e as 20.30 horas, respectivamente. A participación da compañía TeatroUSC-Lugo neste festival de teatro universitario rematará o luns cun novo pase desta obra para estudantado de ensino secundario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2019.