A Compañía da USC actúa este xoves no I Encontro de Danza de Teo
A Compañía de Danza da Universidade de Santiago que dirixe Juan Carlos Zahera participará este xoves 6 no I Encontro de Danza de Teo que organizan conxuntamente a Asociación Profesional de Danza de Galicia e Chévere. A actuación, ás 20.15 horas no auditorio de A Ramallosa, correrá a cargo da bailarina Nuria Sotelo que porá en escena un exercicio coreográfico resultado das actividades do primeiro trimestre e que serve de preámbulo do traballo final do curso. Espazo integrado No marco do congreso internacional ‘NOSoutros: Arte, Comunicación e Integración Social’ o propio Juan Carlos Zahera presentará, tamén este xoves, ás 17.00 horas no Auditorio de NovaGalicia Banco (Rúa do Preguntoiro), o proxecto Espazo Integrado, unha nova actividade de CampUSCulturae. Espazo Integrado trata de unir e integrar persoas con discapacidade con membros da Compañía de Danza da USC para así retroalimentarse na súa aprendizaxe. O proxecto contempla clases conxuntas a partir de xaneiro os martes e xoves de 18.30 a 20.30 na Facultade de Ciencias da Comunicación coa previsión de poder estrear a peza coreográfica no mes de xuño. A encargada de impartir as clases será Carlota Pérez, estreita colaboradora da USC e na actualidade directora da Compañía de Danza e Teatro 5S. As persoas interesadas en colaborar nesta actividade deberán asistir a unha primeira reunión o día 19 de decembro na mesma Facultade. Para máis información poden poñerse en contacto con Juan Carlos Zahera no teléfono 881 811 147 ou a través de jcarlos.zahera [at] si.usc.es (jcarlos[dot]zahera[at]si[dot]usc[dot]es). Previamente a esta presentación terá lugar un xantar-coloquio no que o director do Espazo de Danza da USC, decano desta disciplina artística nas universidades galegas, falará da danza universitaria.