Ir o contido principal

A compañía USC Compostela abre este mércores no MIHL o XI Encontro de Danza Contemporánea

Seis compañías xurdidas en universidades españolas e portuguesas presentan esta semana en Lugo as súas propostas artísticas no marco deste xa consolidado festival

A compañía de danza USC Compostela, dirixida por Juan Carlos Zahera, abrirá o mércores 17 de abril, a partir das 20.30 horas, na sala de exposicións temporais do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) o XI Encontro de Danza Contemporánea da USC, un certame artístico de carácter internacional xa consolidado na capital luguesa, onde este ano amosarán as súas respectivas coreografías seis compañías de marcado carácter universitario.

A compañía de danza do campus de Compostela da USC presentará en Lugo a coreografía ‘ Comunicando’. Ao remate da súa actuación, a formación portuguesa TeatrUBI, da Universidade lusa de Beira Interior e dirixida por Rui Peres, representará no mesmo escenario a montaxe ‘Parecía que danzabamos. Ti vestido de príncipe e eu núa’. A Aula de Danza da Universidade Autónoma de Barcelona, que porá en escena ‘Misteris’, unha coreografía que afonda nos misterios cotiás aos que nos enfrontamos a diario sen buscar solución algunha, e a compañía de danza USC Lugo, dirixida tamén por Juan Carlos Zahera e que presentará no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) a obra ‘5 Elementos’, completan o cartel de representacións previstas na primeira xornada. Programación do xoves 18 de abril A formación independente Zur 2 Danza abrirá, a partir das 20.30 horas, a quenda de representacións o 18 de abril na sala de exposicións temporais do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) coa proposta reflexiva ‘Elucubracións psicanalíticas do comportamento humano: antítese da significación bioxenealóxica (as relacións persoais)’. Tralo debut desta nova compañía de danza de cuño lugués, as compañías das universidades Autónoma, de Barcelona, e Beira Interior, de Portugal, poñerán de novo en escena as súas respectivas coreografías, presentadas xa na xornada de apertura deste festival. A programación artística do XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, contempla asemade unha actuación na rúa, como será a desenvolvida o propio 18 de abril, a partir das 12.30, polas dúas bailarinas que dan vida artística ao grupo independente Hilos Rojos e que farán unha première de danza na Rúa San Marcos baixo o título ‘Raíces amargas’. O Encontro de Danza Contemporánea da USC, organizado no marco do convenio Lugo Cultural, mantén nesta nova edición os mesmos obxectivos cos que naceu e que non son outros que o de favorecer o intercambio cultural a través das distintas propostas coreográficas presentadas polas compañías que participan, así como da propia convivencia dos seus compoñentes.

A duración das distintas coreografías incluídas nesta edición do Encontro de Danza Contemporánea da USC será duns 20 minutos cada unha. Lémbrase asemade que a entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2013.