Compañías teatrais de Brasil, Alemaña e Ourense na segunda xornada do XIII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC
A compañía EventProduction da Universidade de Ciencias Aplicadas de Konstanz (Alemaña) abre o programa do XIII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC previsto para o xoves, día 22. O grupo alemán representará ‘(Hamlet) Explosion of a Memory’, sobre textos de William Shakespeare e Heiner Müller nunha función que comezará ás 19:00 horas.
Tamén no Campus de Compostela, o Departamento de Artes Cênicas da USP (Brasil) porá en escena a partir das 21:30 horas no Teatro Principal, a obra ‘Holocausto’ da Compañía dos Outros.
Campus de LugoNo Campus de Lugo a Aula de Teatro Universitaria de Ourense Mariscataña estreará a obra ‘Unicornio’ de Fernando Dacosta. Será ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire.
Nesta edición, o Festival Internacional de Teatro universitario inclúe a inauguración dunha exposición da compañía ‘Os Monicreques’ no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo na que se fai un percorrido polo proceso de creación dunha marioneta e a súa evolución dende 1979 ata hoxe en día.
Trátase dunha mostra antolóxica na que se recolle a historia dos espectáculos da compañía como mostra representativa da historia contemporánea do teatro con marionetas en Galicia. Nela poderase ver o proceso de creación dunha marioneta mediante diferentes técnicas e estilos e tamén a ambientación dos bonecos como personaxes teatrais situados nun contexto escénico determinado.