Ir o contido principal

O comportamento dos animais, a debate esta fin de semana na Facultade de Veterinaria no II Congreso de Etoloxía Clínica

Cartaz do congreso
Cartaz do congreso

O comportamento dos animais e as súas problemáticas asociadas centran esta fin de semana as distintas sesións programadas no marco do II Congreso de Etoloxía Clínica, un foro que se desenvolverá a partir das 9.30 horas deste sábado, 25 de marzo na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC.

A veterinaria Cristina Ortega abrirá a quenda de intervencións deste congreso cunha dobre intervención na que explicará algunhas das pautas e indicacións recollidas na guía de supervivencia felina. De seguido, Rita Campos abordará cuestións relativas ás intervencións asistidas con animais en aras a acadar un maior benestar e tamén sobre cómo se preparan estas mascotas para este este tipo de actuacións.

As claves para introducir unha mascota canina na familia e a psicodermatoloxía canina centrarán, xa en quenda de tarde, o relatorio que ofrecerá Germán Quintana. Fuencisla Martínez e Ana López pecharán a quenda de relatorios do sábado con intervencións relativas á prevención de problemas de comportamento en cachorros e manexo e control de estrés en fauna silvestre, respectivamente.

A veterinaria diplomada europea en etoloxía Clínica e contratada no Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, Ángela González, abrirá a quenda de intervencións do domingo, a partir das 9.30 horas, cunha dobre intervención na que falará sobre a ansiedade das mascotas por separación e da agresividade canina a persoas da familia. A importancia da exploración neurolóxica das mascotas como chave para atallar os seus problemas de comportamento é o tema o que abordará Luciano Espino na sesión de clausura deste foro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.03.2017.