Compostela en 2009 en imaxes
Os acontecementos máis significativos acaecidos en Compostela e captados polas cámaras dos fotógrafos do diario La Voz de Galicia volven un ano máis ao Colexio de Fonseca para conformar a exposición ‘Compostela, un ano de Voz 2009’ que estará aberta ao público ata o 10 de xaneiro.
A mostra, unha produción do xornal en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura, inaugúrase este mércores 16 ás 19:00 horas nun acto ao que, ademais dos fotógrafos autores, asiste o reitor da USC, Senén Barro; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o director de La Voz de Galicia, José Luis Vilela; a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo; o secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, e o delegado en Santiago de La Voz de Galicia, Ignacio Carballo.
Este ano cúmprese a décimo segunda edición dunha mostra que é xa cita obrigada xa dentro deste xénero do fotoxornalismo e na que as preto de sesenta fotos levan a sinatura de Xoan A. Soler, Álvaro Ballesteros, Sandra Alonso e Paco Rodríguez. Por coincidiren ademais co 50 aniversario da edición do xornal en Santiago, na inauguración proxectarase un audiovisual retrospectivo con portadas destacadas desta delegación.
A exposición poderase visitar de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.