Compostela, capital da investigación pedagóxica iberoamericana
O XVII Congreso Nacional e IX Iberoamericano de Pedagoxía botou a andar este mércores baixo o lema ‘A educación en Rede: Realidades Diversas, Horizontes Comúns’ para poñer en valor temáticas como a inclusión, o desenvolvemento e a sustentabilidade. Este foro que foi inaugurado polo reitor Antonio López pretende potenciar a reflexión “sobre realidades que non escapan dos desafíos educativos actuais como o big data no marco dunha sociedade en rede”, apuntan dende o comité organizador. No acto inaugural, tomou parte o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; Alejandro Tiana Ferrer, secretario de Estado de Educación; e Mariano Jabonero Blanco, secretario xeral da Organización dos Estados Iberoamericanos. Tamén interviñeron Stefania Giannini, subdirectora xeral de Educación da UNESCO (quen desenvolveu a súa participación en liña); Miguel A. Santos Rego, presidente do Comité Organizador do Congreso; e Gonzalo Jover Olmeda, presidente da Sociedade Española de Pedagoxía. O foro estenderase ata o 9 de xullo.
“O feito de que Compostela acolla este Congreso ten que ver co magnífico traballo que desenvolve o noso profesorado nas Facultades de Ciencias da Educación e de Formación do Profesorado”, sinalou Antonio López para despois reivindicar o valor dos servizos públicos, entre eles, a educación, “peza clave para saír da situación na que nos atopamos”. “A educación é a pedra fundamental que fai que avancemos na protección do planeta, na prosperidade das persoas, na igualdade e na integración”, engadiu.
A relevancia do Congreso baséase en potenciar liñas de indagación sobre amplas temáticas no universo educativo como a educación ante o desafío da diversidade e a inclusión social; a innovación e o cambio educativo; o liderado, calidade e educación en rede; a orientación educativa nun mundo conectado; a avaliación como leito de optimización educativa na sociedade do benestar; e/ou, de maneira xeral, a educación, o desenvolvemento persoal e os procesos de aprendizaxe.
A través do encontro científico deslízanse enfoques e modelos diverxentes, dando lugar a un debate académico entre investigadores e profesionais pertencentes a un amplo conxunto de países no ámbito da educación. Neste sentido, “o Congreso aborda temáticas de especial actualidade e que teñen cada vez un maior auxe como é a necesidade dunha maior e óptima conectividade tanto a nivel tecnolóxico como social”, continúan dende o comité organizador. “Non podemos esquecer a crise pandémica derivada da COVID-19 que deixou patente as posibilidades e, á súa vez, limitacións do uso das tecnoloxías nos procesos de ensino e aprendizaxe”, engaden.
Máis de 700 inscritos/as
Esta é a segunda vez que Compostela acolle este encontro que xa tivo lugar no ano 1984. Nesta ocasión, inscribíronse ao redor de 750 persoas procedentes de Portugal, Brasil, México, Arxentina, Chile, Ecuador, Paraguai, Uruguai, Suíza, Italia, ou Bolivia, entre outros. Ademais, o evento conflúe coa celebración da World Education Research Association (WERA) Focal Meeting, con 700 persoas rexistradas, na que se busca presentar investigacións comparativas, transculturais, internacionais ou transnacionais na súa conceptualización, alcance ou deseño.
“O Congreso achega evidencias significativas ao redor da folla de ruta que segue a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS-3) e que, por tanto, permite continuar expandindo o coñecemento como leito de mellora e innovación social”, explican dende a organización. “O Encontro implica un revulsivo para traballar cara a unha maior cohesión e progreso conxunto na consecución dos desafíos que a educación ten por diante nos próximos anos. A meta é alcanzar unha Iberoamérica conectada, orgullosa da súa plural identidade e disposta a facer da educación unha sólida garantía de futuro”, conclúen.
Libro de resumos
O libro de resumos deste foro acaba de ser editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC baixo o título La educación en Red: realidades diversas, horizontes comunes. Coordinado por Mar Lorenzo Moledo, Anaïs Quiroga-Carrillo, e Miguel A. Santos Rego, esta publicación reúne os resumos dos máis de 600 traballos enviados ao evento, organizados en liñas temáticas e segundo o tipo de contribución (simposios, comunicacións e pósteres).