Ir o contido principal

Compostela e Sarria, sede dos catro cursos de verán da USC que comezan este mércores

Plurilingüismo na escola, competencias científicas en ciencias, o menos coñecido do dereito e o desenvolvemento económico do centro-sur de Lugo, cuestións a abordar

Tres cursos da Universidade de Verán comezan este mércores en Santiago e un en Sarria, dando así continuidade á ampla programación académica estival da USC. O plurilingüismo na escola, as competencias científicas en ciencias, os aspectos menos coñecidos do dereito e o desenvolvemento económico do centro-sur de Lugo, cuestións a abordar nos seminarios.
Competencias científicas en cienciasSerá ás 9:00 horas na Aula 3 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) cando se inaugure o curso'Competencias científicas na aula de ciencias: o uso de probas e a argumentación en secundaria', no que se analizarán os cambios que supón a introdución das competencias básicas nos novos currículos e a súa relación co estudo PISA.
Dirixido polo profesor Juan Ramón Gallástegui Otero, no curso traballaranse distintos aspectos das competencias científicas como obter conclusións baseadas en probas, avaliar distintas hipóteses á luz destas, criticar argumentos doutros ou analizar criticamente informacións ou fontes e recoñecer a influencia do contexto social nelas.
Dereito
Xa ás 09:15 horas no Salón de Graos de Dereito inaugurarase o curso 'Dereito en serio e de broma' no que, baixo a dirección do profesor José María Miranda Boto, tratarán de explorar os aspectos do Dereito non considerados nos itinerarios curriculares.
Na programación figuran, entre outros puntos a tratar, a análise do Dereito con outras disciplinas como a Literatura, o deporte ou a súa aplicación en televisión ou en casos nos que intervén o alcol.
Plurilingüismo na escola‘Plurilingüismo na escola: ensino de segundas linguas en contextos académicos’ é o título do curso de verán que as profesoras Teresa Díaz García, Inmaculada Mas Álvarez e Luz Zas Varela inauguran este mércores ás 9:40 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía.
Nos tres días do curso abordaranse cuestións como a inmigración e a lingua na escola, o léxico dispoñible no español de Galicia dos estudantes galegos preuniversitarios ou temas de actualidade como os problemas e dilemas dunha comunidade bilingüe, o proxecto lingüístico para o tratamento integrado das linguas ou o desenvolvemento da competencia plurilingüe no ensino obrigatorio. Destaca especialmente a participación no curso dos expertos Uri Ruiz Bikandi, profesora de Didáctica da Lingua e Literatura da Universidade do País Vasco, e Ignasi Vila Mendiburu, catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Girona.
SarriaO curso ‘O desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo: sectores forestal, agropecuario e servizos’ que se celebrará ata o día 11 en Sarria inaugurarase ás 9:30 horas no Salón de Actos do Concello desta localidade. Trátase da novena edición deste programa formativo que dirixen José Federico García Fernández e Manuel Gómez Díaz.
A temática a analizar ao longo destes días xirará en torno aos recursos reais e potenciais da comarca; detectar limitacións que afecten o desenvolvemento da zona; subliñar a importancia da creatividade e da innovación como contribución ao desenvolvemento e á competitividade. Estudaranse novas estratexias para o desenvolvemento económico da zona, tendo en conta o medio ambiente, ademais de promover a interacción entre a Universidade e o mundo empresarial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2009.