Ir o contido principal

O compostelán David Moscoso e Sara Vidal, de Oleiros, gañan a V Olimpíada Galega de Economía celebrada na Facultade de ADE

Participantes, docentes e organizadores da V Olimpíada Galega de Economía
Participantes, docentes e organizadores da V Olimpíada Galega de Economía
O vicerreitor Javier Bueno presidiu a entrega de premios do certame, no que participaron 19 estudantes de Bacharelato de sete institutos de secundaria de Galicia

O estudante de segundo de Bacharelato do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela David Moscoso Ramos acadou a cualificación máis alta nas probas da V Olimpíada Galega de Economía, un concurso de carácter académico no que participaron 19 estudantes de segundo curso de BAC procedentes de sete centros de ensino medio de Galicia e que busca estimular e divulgar o estudo de Economía e Empresas entre o estudantado de ensino medio e no que tamén resultou galardoada a alumna do IES Miraflores, no concello coruñés de Oleiros, Sara Vidal Ruiz, logo de acadar a segunda máxima puntuación.

Os dous gañadores da fase autonómica da V OIimpíada Galega de Economía, un concurso promovido conxuntamente polas facultades de Económicas e Empresariais do Sistema Universitario Galego (SUG) desde o curso 2008-2009 e que por vez primeira se celebrou na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, recibiron como premios cadansúa tableta electrónica, así como a posibilidade de acudir, con todos os gastos pagados, á fase nacional da Olimpíada de Economía, que se desenvolverá na Cidade Autónoma de Melilla ao longo da última semana do mes de xuño. A decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Begoña Barreiro Fernández, que presidiu a comisión académica encargada de avaliar os exames e probas de coñecemento realizadas polos estudantes participantes no certame, entre os que se atopaban tres alumnos/as do IES Xoán Montes de Lugo, destacou o elevado grao de coñecementos de Economía demostrado polos estudantes participantes. Respecto ao desenvolvemento dos exames, o presidente da Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria (Agaedes), Francisco Javier González Álvarez, indicou que os exames da Olimpíada de Economía son moi distintos aos propostos na Selectividade, xa que pretenden unha avaliación integral, tanto teórica como práctica, de todos os coñecementos adquiridos polo alumnado nas materias de Economía impartidas no primeiro e no segundo curso de Bacharelato. Unha vez rematados os exercicios e probas de nivel de coñecemento, todos os/as estudantes inscritos/as na V Olimpíada Galega de Economía recibiron cadanseu diploma de participación no certame, no marco dunha cerimonia de entrega de premios presidida polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e na que tamén estivo presente a concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo, Esther Muñoz. Sara Vidal e David Moscoso, diante de Francisco Javier González, Begoña Barreiro, Esther Muñoz e Javier Bueno

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2014.