Ir o contido principal

Compostos presentes en alimentos como a coliflor poderían contribuír ao tratamento do cancro de mama ou de próstata

De esquerda a dereita, Elena Pérez, Elena Cartea, Manuel Freire-Garabal, María Jesús Núñez Iglesias e Silvia Novío Mallón
De esquerda a dereita, Elena Pérez, Elena Cartea, Manuel Freire-Garabal, María Jesús Núñez Iglesias e Silvia Novío Mallón. FOTO: Santi Alvite
Un equipo interdisciplinario da USC e do CSIC explora como os isotiocianatos poden servir como terapia coadxuvante dalgúns fármacos antitumorais
Santiago de Compostela

Algúns compostos isotiocianatos (ITCs) presentes na familia das plantas crucíferas, como é o caso da coliflor ou do brócoli, poden ser útiles na prevención e no tratamento dalgúns cancros de próstata e de mama. Esta é unha das principais conclusións do traballo que de xeito conxunto está a desenvolver persoal investigador do grupo SNL-Lennart Levi da USC en colaboración co de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC). Os devanditos compostos poden servir como terapia coadxuvante dalgúns fármacos antitumorais que presentan unha alta toxicidade, alén de poder provocar quimio-resistencia. Os ITCs potencian a eficacia deste tipo de fármacos e, deste xeito, permiten reducir a dose subministrada volvéndoos máis tolerables para os e as pacientes.

As achegas destes grupos de investigación viron a luz en diversos foros e publicacións científicas e vertebran a tese de doutoramento ‘Efectos dos isotiocianatos sobre modelos in vitro de cánceres hormonodependentes’ de Elena Pérez Muñuzuri defendida na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC baixo a dirección de Manuel Freire-Garabal e Manuel Macía da USC, así como de Elena Cartea do CSIC. O traballo da investigadora Pérez Muñuzuri obtivo a cualificación máxima de sobresaliente cum laude.

Elena Pérez Muñuzuri
Elena Pérez Muñuzuri é a autora da tese ‘Efectos dos isotiocianatos sobre modelos in vitro de cánceres hormonodependentes’. FOTO: Santi Alvite

“Avaliamos a actividade antitumoral de diferentes ITCs presentes en diferentes cultivos de brásicas sobre liñas celulares humanas de cancro de próstata e de mama caracterizadas por un diferente patrón de expresión de receptores hormonais”, explican os e as científicas. O tratamento coa maioría destes compostos produce unha inhibición do crecemento celular dependente da dose e do tempo, favorece a morte celular programada e inhibe a migración implicada nos procesos de metastatización tumoral. En terapia combinada co fármaco antitumoral de referencia observouse ademais unha maior efectividade que este, potenciando o seu efecto beneficioso. “É máis, algúns ITCs poden reducir a expresión de xenes que potencian a actividade proliferativa e metastática e incrementar a doutros implicados na actividade citotóxica, proapoptótica, inhibidora da transición epitelio-mesenquimal, un proceso mediante o cal as células tumorais vólvense máis agresivas”, engaden.

Metas futuras

Determinar a eficacia dunha dieta con nutrientes ricos en ITCs na prevención e no tratamento do cancro é unha das estratexias de futuro que pretende acometer este equipo de investigadores e investigadoras. Ademais, algunha das moléculas podería ser obxecto de ensaios orientados a descubrir o seu potencial como fármaco antitumoral. O traballo destes científicos e científicas recibiu financiamento por parte dos Ministerios de Economía e Competitividade, así como polo de Investigación e Ciencia, ao abeiro de distintas convocatorias dende o ano 2011. Partindo do estudo dos beneficios na saúde da dieta atlántica e da posta en valor dos produtos alimentarios de orixe galega a través da investigación agrobiotecnolóxica, a liña de traballo inicial foise consolidando para abarcar novos retos e obxectivos. Este é o caso da avaliación dos efectos antitumorais de compostos químicos sobre diferentes modelos de cancro e a análise dos mecanismos moleculares implicados na súa actividade antiproliferativa e antimetastática, tanto cando se administran de forma illada como en terapia combinada cun fármaco antitumoral ampliamente utilizado en terapia oncolóxica.

O grupo da USC está dirixido polo profesor Freire-Garabal e atópase integrado polas doutoras María Jesús Núñez Iglesias, Silvia Novío Mallón, Carla García Santiago e Elena Pérez Muñuzuri. A súa actividade principal é o descubrimento de compostos de orixe natural e sintético con actividade antitumoral. Pola parte do CSIC e baixo a dirección de Elena Cartea, integran o grupo da MBG Pilar Soengas e Pablo Velasco. Estes investigadores son expertos no estudo dos compostos bioactivos presentes en cultivos de brásicas como os grelos, o repolo ou as verzas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2021.