Ir o contido principal

‘O compromiso social da xuventude: Participación e aprendizaxe-servizo’, novo curso de verán organizado polo grupo Esculca

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2011

O 8 de xullo conclúe o prazo para poder inscribirse no curso de verán da USC que dirixe o catedrático Miguel A. Santos Rego e que co título ‘ O compromiso social da xuventude: Participación e aprendizaxe-servizo’ se desenvolverá en Santiago do 18 ao 21 deste mes. O curso, organizado polo Grupo de Investigación Esculca da USC, suporá unha ocasión única para que a xente nova implicada en voluntariado ou en organizacións cívicas, así como estudantes e profesionais do ámbito educativo e social, coñezan e dialoguen sobre as posibilidades da aprendizaxe-servizo en contacto directo con prestixiosos especialistas. Durante os catro días do curso o estudantado matriculado asistirá a relatorios de Roser Batlle Suñer, do Centro Promotor de Aprendizaxe-servizo de Cataluña; Josep María Puig Rovira, da Universidade de Barcelona; Vicente González, da Universidade da Coruña; Montse Caminal Echevarría, da Fundación La Caixa de Barcelona; dos docentes da USC Miguel A, Santos Rego, Julio Cabrera e Mar Lorenzo Moledo; do catedrático de ensino secundario Moisés Lozano Paz; e do responsable do Servizo de Participación e Integración Estudantil da USC, Javier Fernández Agrafojo. Ademais dos relatorios están previstas varias mesas redondas, como a que protagonizarán Gabriel Caínzos, Javier González e Santiago Fernández titulada ‘Iniciativa Xove en Galicia: aprendendo da experiencia’. Miguel Dios Diz, Margarita Lobato e Carlos Ferreiro participarán no debate sobre a aprendizaxe-servizo nos centros de ensino en Galicia e Alexandre Sotelino, Jesús Rodríguez e María Vázquez farán o propio coa mesa ‘Aprendizaxe-servizo na Universidade: innovación e boas práctica’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2011.