A Comunicación e o Desenvolvemento, a debate na USC
Impulsada pola USC e formada por máis de 20 grupos de investigación e entidades sociais, a Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE) celebrará o seu segundo encontro o vindeiro luns 22 na Facultade de Ciencias da Comunicación. Nesta ocasión, investigadores e activistas sociais de Europa e América Latina daranse cita para debater o estado da cuestión respecto da comunicación e o desenvolvemento. As ligazóns entre teoría e práctica e a necesidade de repensar o desenvolvemento desde unha perspectiva humana e non economicista centrarán a primeira parte deste evento. Asemade, os participantes na xuntanza debaterán a estratexia da Rede de investigación durante o vindeiro ano. A Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento naceu en novembro de 2011, promovida polo grupo Cidadanía e Comunicación da USC (CIDACOM) e por outros tres grupos de investigación do Sistema Universitario Galego. Contou co apoio da Dirección Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e dos fondos FEDER da Unión Europea. Durante o seu primeiro encontro, celebrado en Santiago, os membros da rede asinaron un Manifesto que serviu como guía das accións desenvolvidas pola Rede durante o seu primeiro ano de existencia. Este segundo encontro servirá para afianzar os principios consensuados daquela, e para seguir avanzando na promoción da actividade investigadora e práctica no campo da Comunicación e o Desenvolvemento.