Ir o contido principal

Comunicado do reitor

Sigillum da USC
Sigillum da USC
A toda a comunidade universitaria

O pasado día 10 de maio un grupo de persoas que se identificou como a Asemblea aberta por Palestina ocupou corredores e aulas na Facultade de Xeografía e Historia, ocupación que foi medrando co paso dos días impedindo a celebración de exames na convocatoria de maio.
 
Este colectivo impediu, o día 31 de maio, a celebración da sesión do Consello de Goberno e volveu interromper a reunión do máximo órgano de goberno da institución este mesmo luns 10 de xuño, cando foi ocupado tamén o edificio da reitoría impedindo, a partir dese momento, a entrada do persoal e o desenvolvemento ordinario de calquera tarefa de goberno ou administrativa do Colexio de San Xerome.
 
Ante esta situación, e logo de esgotar calquera posibilidade de diálogo co colectivo identificado como Asemblea Aberta por Palestina, comuniquei á Delegación do Goberno a situación co obxectivo de recuperar a convivencia democrática e o funcionamento ordinario da institución. Esta mañá fun informado de que as forzas de seguridade desaloxaron as persoas que estaban ocupando tanto o edificio da Reitoría como o da Facultade de Xeografía e Historia.
 
O equipo de goberno que dirixo dialogou, sempre que tivo interlocutores, co colectivo da Asemblea para tentar reconducir comportamentos que son inaceptables nun espazo universitario como é o que conforma a nosa comunidade.
 
A recuperación da actividade ordinaria e o correcto funcionamento dos órganos de goberno serán garantes da posta en marcha dos compromisos adquiridos pola institución a respecto da situación en Palestina. Neste sentido, o Consello de Goberno acordou a creación da Comisión para o desenvolvemento de accións a prol da comunidade universitaria de Palestina, que se constituíu no día de onte e comezou a traballar na proposta de accións concretas.
 
Debemos practicar a democracia escrupulosamente, respectar a representatividade da comunidade universitaria e continuar a dialogar para, entre todas e todos, dar a mellor resposta á inaceptable situación que está a vivir o pobo palestino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2024.