Comunicado da Xunta de Facultade de Xeografía e Historia
A Xunta de Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, reunida en sesión ordinaria o día 26 de xaneiro de 2017, quere manifestar o apoio rotundo ao escrito remitido polo Departamento de Historia desta Facultade o pasado día 21 de decembro de 2016 no que se fai referencia ás reiteradas informacións e ao coñecemento público de documentación que acredita a acusación de plaxio a D. Fernando Suárez Bilbao, actual Reitor da Universidad Rey Juan Carlos, nos seguintes termos:
1. Reprobar a persistente e tramposa práctica de D. Fernando Suárez, que atenta contra a ética académica e cuestiona os mecanismos de control e avaliación da actividade investigadora, prexudicando a toda a comunidade universitaria e danando a súa credibilidade.
2. Manifestar con rotundidade o apoio e a solidariedade cos investigadores directamente afectados, entre os que se atopa o Dr D. Carlos Barros Guimeráns, que foi profesor do Departamento de Historia desta Facultade ata a súa recente xubilación.
3. Deplorar as actitudes que desde diversas instancias mediáticas, académicas e políticas amparan ou minimizan os feitos denunciados, en inadmisible exercicio de ignorancia e condescendencia.
Ante esta mala conduta científica, esta Xunta de Facultade desexa poñer énfase no noso deber exemplarizante como membros da comunidade universitaria ante o alumnado, o persoal investigador en formación e a sociedade en xeral, á vez que lembra que o seu incumprimento resulta unha vulneración clara da nosa ética como profesionais dedicados á procura, transmisión e difusión do coñecemento.