A comunidade universitaria reciclou 12.410 envases en 2023 a través do programa RECICLOS
O número de envases recollidos nas seis máquinas RECICLOS instaladas en diferentes puntos da USC ao longo de 2023 ascendeu a 12.410 envases, entre latas (1.067) e botellas (11.173). Os datos evidencian o compromiso da comunidade universitaria coa práctica da reciclaxe a través do Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) de Ecoembes, unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos.
As persoas usuarias só teñen que descargarse a app gratuíta RECICLOS, depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e, ao acabar, escanear o QR que se lles mostrará. Ao facelo, obteñen puntos, denominados RECICLOS, que poden cambiar por distintas recompensas dispoñibles, como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño. Ademais, co gallo do Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama que se conmemora cada 19 de outubro, os puntos puideron ser trocados por doazóns para a Asociación Española contra o Cancro.
Deste xeito, a USC converteuse o ano pasado na primeira universidade de Galicia en contar con este sistema de recompensa, que xa suma máis de 250 máquinas por toda España, avanzando así na súa implicación coa economía circular e cun impacto positivo no medioambiente a través da reciclaxe. Segundo subliñou o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, o programa RECICLOS contribúe a transmitir valores como o respecto polo medio ambiente a través dun xesto tan sinxelo como é o da reciclaxe.
A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos, é dicir, que volvan converterse en novos envases ou produtos tras a súa reciclaxe. Poderano facer en calquera das máquinas situadas na biblioteca Concepción Arenal, nas facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Escola Técnica Superior de Enxeñería, na máquina instalada no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación, e na Facultade de Matemáticas. No caso do campus compostelá, esta é unha iniciativa piloto que tamén se desenvolverá no Campus de Lugo cando Ecoembes dispoña na cidade da infraestrutura precisa.
Este sistema de reciclaxe está implantado na cidade de Santiago de Compostela dende 2022, onde máis de 600 contedores amarelos da cidade xa contan coa tecnoloxía RECICLOS, podendo os veciños e veciñas recibir recompensas polas latas e botellas de plástico xeradas nos seus fogares.