A comunidade universitaria súmase á loita contra o cancro de mama a través do sistema de reciclaxe Reciclos
As máquinas Reciclos instaladas en diferentes puntos da USC, levan recollido dende finais de 2022 un total de 9.700 envases, entre latas (884) e botellas (8.672), evidenciando o compromiso da comunidade universitaria coa sustentabilidade. A instalación das máquinas no marco do Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) de Ecoembes supuxo unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos que agora se suma á loita contra o cancro de mama. Así, as persoas usuarias que se descarguen a app gratuíta Reciclos, depositen as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e escaneen o QR que se lles mostrará, obterán puntos, denominados Reciclos, que poderán doar á Asociación Española contra o Cancro. Esta iniciativa desenvolverase durante a semana do 16 ao 22 de outubro, co gallo do Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama que se conmemora o día 19.
A USC é a primeira universidade de Galicia en contar con este sistema de recompensa, que xa suma máis de 250 máquinas por toda España, avanzando así na súa implicación coa economía circular e cun impacto positivo no medioambiente a través da reciclaxe. Segundo o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, Reciclos conforma “unha oportunidade de materializar nun mesmo xesto o seu compromiso co desenvolvemento sostible e o respecto polo medio ambiente xunto coa sensibilidade cara a temas de alcance social”.
A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos, é dicir, que volvan converterse en novos envases ou produtos tras a súa reciclaxe. Poderano facer en calquera das seis máquinas situadas na biblioteca Concepción Arenal, nas facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Escola Técnica Superior de Enxeñería, no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación, e na Facultade de Matemáticas. No caso do campus compostelá, esta é unha iniciativa piloto que tamén se desenvolverá no Campus de Lugo cando Ecoembes dispoña na cidade da infraestrutura precisa.
“Esta é unha iniciativa que entronca coa propia natureza universitaria, polo seu carácter transversal, máis aló da formación estritamente formal, e axuda a dar forma á misión dunha universidade de achegar unha formación integral”, explica Gumersindo Feijoo. Na cidade de Santiago de Compostela, este sistema de reciclaxe conta con máis de 600 contedores amarelos, podendo os veciños recibir recompensas polas latas e botellas de plástico xeradas nos seus fogares.