O Concello de Santiago homenaxea a dúas mulleres da USC "que abren camiños"
A directora do Arquivo Histórico da USC, María José Justo, e a profesora de Ciencias da Educación Rita Radl Philipp reciben unha homenaxe este venres no Hostal dos Reis Católicos, xunto con outras seis mulleres, por seren pioneiras nos seus ámbitos profesionais.
Organizado con motivo da celebración do Día Internacional da Muller este domingo 8, o Concello de Santiago quere premiar na ‘Homenaxe a oito mulleres que abren camiños’ a traxectoria de, ademais, María Esporas Rodríguez, Milagros Rodríguez Martínez, Marisa López López, María Jesús Montero Pardo e Carmen Suárez Beiroa. Tamén a que fora directora da Biblioteca da USC entre 1973 e 1993, daría Vilariño, será obxecto deste recoñecemento.
María José Justo é ademais vicepresidenta da Sección de Arquivos Notariais do Consello Internacional de Arquivos, membro da Sección para a Ensinanza e Formación en Arquivística do Consello Internacional de Arquivos e membro do Institut International d´Histoire du Notariat desde 1996. Aínda que a profesión que exerce foi tradicionalmente feminina, a súa traxectoria profesional é de gran valor, xa que foi unha muller que soubo modernizar o arquivo histórico e darlle a categoría que merece.
Pola súa banda, a profesora titular de Socioloxía da USC Rita Radl preside o comité de investigación nacional ‘Socioloxía do Xénero’ da Federación Española de Socioloxía, é profesora da Johann Wolfgang Goethe Universität Frankfurt e directora e fundadora do Centro Interdisciplinar de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC. Foi tamén a responsable de introducir as primeiras materias sobre a temática das mulleres e xénero nos plans de estudo.