O Concello de Santiago e a USC reforzan a súa colaboración no Premio Xohana Torres
O reitor da USC, Senén Barro, e o alcalde do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinaron este martes un convenio co propósito de dar estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre ambas as dúas entidades na convocatoria e outorgamento do Premio Xohana Torres.
En virtude do acordo, a Universidade de Santiago de Compostela obrígase á valoración técnico-científica de todos os traballos presentados; á publicación por parte do seu Servizo de Publicacións da obra premiada, cun mínimo de 300 exemplares por edición, e á súa difusión no ámbito universitario; a formar parte do xurado encargado de avaliar as obras presentadas; e a levar a cabo unha campaña de publicidade e difusión da convocatoria do premio dentro da propia institución.
Pola súa parte, o Concello compostelán comprométese a levar a cabo a convocatoria pública do premio e a organizar todos os aspectos referidos a ela; á recepción e rexistro dos traballos presentados e á comprobación do cumprimento dos requisitos que se recollen nas bases da convocatoria;; a organizar e sufragar os gastos de convocatoria e do acto de entrega do mesmo; e a formar parte do xurado encargado de avaliar as obras presentadas.
Premio Xohana TorresO Concello de Santiago de Compostela instituíu e vén desenvolvendo desde o ano 1993, por iniciativa da Concellaría da Muller, o Premio Xohana Torres co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que tiveron unha marcada incidencia na vida da nosa comunidade, tanto no momento actual como no pasado.
Ao Premio, dotado con 3.000 euros, poderán concorrer todas as persoas residentes en Galicia que presenten, antes do 31 de decembro, un traballo inédito de investigación sobre calquera aspecto social, histórico ou humano da muller na comunidade galega. O xurado dará a coñecer a súa decisión o 8 de marzo de 2008.