Ir o contido principal

Concerto didáctico da Orquestra da USC nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago

Imaxe de arquivo da Orquestra da USC
Imaxe de arquivo da Orquestra da USC
Interpretarán o coñecido conto musicado ‘Pedro e o lobo’, ademais da estrea absoluta das gañadoras do primeiro Premio de Composición Musical da USC

‘Pedro e o lobo´(Op. 67) de Sergei Prokofiev é a obra que abrirá este domingo 12 o concerto pedagóxico co que a Orquestra da Universidade se sumará ás Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, programa no que a orquestra universitaria participa dende o seu inicio xunto coa Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas. Na Igrexa da Universidade, o concerto comezará ás 12.30 horas.

A sesión está concibida como un concerto didáctico familiar e participativo onde a música contemporánea se explicará como unha linguaxe natural dentro deste ámbito artístico. A versión que a Orquestra universitaria presentará do coñecido conto musicado ‘Pedro e o lobo’ contará coa colaboración de Pablo Sampedro como narrador e permitirá aos máis novos profundar nas peculiaridades dunha orquestra sinfónica.

Premio de Composición
Como novidade, a Orquestra na súa dimensión educativa e formativa convocou este ano o primeiro Premio de Composición Musical da USC, dirixido a compositores novos ou estudantes e baixo o auspicio do director da Orquestra Mario Diz e do compositor Fernando Buide. O premio será a estrea das obras seleccionadas que se realizará na sesión do próximo domingo. Ademais está prevista unha sesión de ensaios aberta ao público cos premiados e a gravación das composicións.

As obras gañadoras deste Premio e que se estrearán o próximo domingo 12 son Inferno (reflexión a partir da Divina Comedia de Dante) de Sergio Rodríguez; Danza do gato, de Klaus Martínez; e Auga en movemento, de Juan Daniel Romero. Baixo a dirección de Mario Diz, intervirán como profesores participantes Roberto Santamarina e Antía García, nos violíns; Blanca Bello, á viola; Carlos G. Amigo, no violonchelo; e Iago Lariño, en ventos.

Orquestra da USC
A Orquestra da USC, nos seus inicios Orquestra do Espazo de Cámara, nace co obxectivo de impulsar nos universitarios, e por extensión na cidadanía compostelá, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música. Co patrocinio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, o grupo que conforma a Orquestra da USC dirixida por Mario Diz procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música.

Dende 2010 a Orquestra afondou en proxectos como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento; o Concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior, interpretado por Carlos G. Amigo; monográfico sobre Astor Piazzolla; monográfico sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Na temporada 2014-15 interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi.

En colaboración coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela realizaron unha versión do musical Sweeney Todd de Stephen Sondheim. Incorporándose ao proxecto diversos profesores da Orquestra da Cidade, Real Filharmonía de Galicia, así como profesores relevantes do ámbito musical galego, a Orquestra da USC foi incluída recentemente na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan formacións de máis de 28 nacionalidades de toda Europa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2017.