Concerto familiar da Orquestra do Espazo de Cámara da USC nas Xornadas de Música Contemporánea

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC que dirixe Mario Diz ofrece este domingo 20 un concerto para toda a familia e enmarcado nas Xornadas de Música Contemporánea. O recital, titulado ‘Os doce sons da música, o dodecafonismo’, terá lugar ás 12.30 horas no CGAC con entrada libre previa recollida de invitación no Teatro Principal ou, unha hora antes, no propio centro. No concerto interpretarán obras de Antón Webern(1883-1945), compositor da Segunda (ou Moderna) Escola de Viena, un grupo da primeira metade do XX considerado dentro da estética do expresionismo musical que foi o primeiro en utilizar a Atonalidade e logo o Dodecafonismo na música occidental. Nesta ocasión, de Webern interpretarán cinco pezas para cuarteto de corda (1929) e Kinderstük (1924). O recital rematará coa estrea do conto musicado ‘A revolución das notas’, de Mario Diz. O Dodecafonismo O Dodecafonismo é un sistema de composición elaborado por Arnold Schönberg que se refire aos doce sons dos que se compón a música occidental. A intención do Dodecafonismo é, en contraposición á tonalidade, suxeitar a música a un sistema onde todos os sons prevalezan no mesmo nivel de importancia, sen destacar ningún deles, e así elaborar a música cunhas normas que favorezan esta premisa. Cara o ano 1923, despois dunha ausencia de seis anos sen publicar ningunha obra Schönberg, formulou un “método de compoñer con doce notas onde cada unha delas se podía relacionar unicamente con outra”. A pesar de que o estilo de composición dodecafónico segue unhas normas e instrucións moi ríxidas, a medida que o século foi avanzando estas volvéronse aínda máis estritas, chegándose ao control total de todos os parámetros dunha composición no sistema que se adoita coñecer como serialismo integral. Precisamente, as innovacións en organización da altura, o ritmo e a dinámica de Anton Webern, un dos máximos expoñentes do Dodecafonismo, foron decisivas no desenvolvemento do serialismo integral. A Orquestra da USC O Espazo de Cámara da USC nace co obxectivo de impulsar na mocidade universitaria, e por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural cuxo eixe fundamental é a música. Co patrocinio da Vicerreitoría de Cultura, o grupo que conforma a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Mario Diz, procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Dende 2010 afondou en proxectos tan ilusionantes como o aniversario de Debussy nun concerto coa arpista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento, o Concerto para violoncello en Re maior de Haydn interpretado por Carlos G. Amigo e un monográfico sobre Astor Piazzolla, entre outros, onde se incorporan ao proxecto diversos docentes da Real Filharmonía de Galicia e do eido musical galego.