Un concerto do grupo de música tradicional galega Malvela pecha o ciclo Lubicán do programa Lugo Cultural 2012

O ciclo de concertos Lubicán, pertencente ao programa Lugo Cultural 2012, pon o remate o xoves 15 á súa edición deste ano coa actuación do grupo de música galega tradicional Malvela, que a partir das 20.30 horas presenta no auditorio Gustavo Freire da capital lucense os temas do seu último disco, Raianas. Este cuarto álbum da formación é, segundo os membros de Malvela, “unha viaxe pola música de ambas as beiras do Miño, na que aparecen cantos tradicionais e actuais e no que soan temas novos xunto con algúns dos máis coñecidos do grupo, como a versión do ‘Pirimpimpín’ que se escoita na serie Padre Casares, e que por primeira vez foi gravada en disco”. Malvela é un grupo formado por unha ducia de mulleres (algunhas delas superan xa os 80 anos e ás que se sumaron catro novas voces nos últimos tempos) que, como elas mesmas explican, “tiñamos nos nosos corazóns as cantigas das avoas e un día puxémonos a facer festa con elas para compartir ese tesouro musical”. Ademais das cantareiras, en Malvela danse cita músicos de varias xeracións “ que nos xuntamos para ofrecer as cancións que veñen da terra, da cultura das nosas aldeas”. Ademais de Malvela, a través do ciclo de concertos Lubicán, este ano actuaron en Lugo grupos como Leilía, Talabarte, Lobalú, Cats and Monkeys ou Vaamonde, Lamas & Romero. Como en todos os demais recitais, nesta actuación a entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala. No programa Lugo Cultural 2012 no que se enmarca o ciclo Lobalú participan, ademais da Área de Cultura da USC en Lugo, o Concello e a Deputación de Lugo e mais a Xunta de Galicia.