O concerto de jazz de Nani García pecha o xoves o ciclo 'Entre Lusco e Fusco' de Lugo Cultural
O jazz de Nani García porá este xoves 18 o punto e final ao ciclo de concertos do programa de verán ‘Entre lusco e fusco’ do Convenio Lugo Cultural, que integra á Vicerreitoría de Cultura da USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia.
Un total de cinco actuacións de diferentes estilos musicais tiveron lugar ao amparo deste programa entre os meses de xullo e setembro co obxectivo de recuperar como espazo escénico zoas naturais. Por isto, este ano os concertos tiveron lugar no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro.
Co título de Cinematojazzia, actúa ás 21:00 horas Nani García, compositor, pianista e produtor musical. Formado musicalmente en Suecia, realiza tamén estudos lingüísticos nas universidades dese país antes de volver a España, onde comeza formando parte de dous grupos galegos de jazz: Parabara e Filloa Express.
Máis tarde funda o cuarteto Clunia co que grava cinco discos. Nestes anos compartiu esceario con músicos como Jorge Pardo, Perico Sambeat, Marcos Teira, Paolo Fresu, Dulce Pontes, Manecas Costa, Joao Alfonso, Tom Gullion, Alfonso Morán, Michael Macgoldrick, Karen Matheson, S. Manuel Budiño, Luis Emilio Batallán, Amancio Prada, Paco Charlín, Pablo Milanés ou Luar na Lubre.
A partir dos noventa comeza tamén unha carreira paralela como solista mentres estende a súa faceta compositora.