Ir o contido principal

O concerto de Kimuru dará continuidade o mércores ao programa 'Entre Lusco e Fusco' de Lugo Cultural

O concerto do grupo Kimuru dará continuidade este mércores 10 ao programa de verán do Convenio Lugo Cultural, que integra á Vicerreitoría de Cultura da USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia. Co nome de ‘Entre Lusco e Fusco’, celébranse varias actuacións musicais este verán co obxectivo de recuperar como espazo escénico para a música zoas naturais.
Por isto, este ano os concertos teñen lugar no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro, combinando diferentes estilos. A actuación de Kimuru será a cuarta deste ciclo, na que presentarán o seu novo disco, ‘Piedras y confetis’.
O grupo fórmase no ano 2004 para sacar adiante o seu traballo ‘Todas las naves espaciales son de plástico’, no que participan, ademais do seu fundador, Quique Muruáis, César López, Martín Alonso e Arturo Vaquero. Para este novo disco intégranse no grupo Xosé Luís Saqués e Xavier Pérez, que sacaron na primavera o seu segundo disco, gravado nos Estudios Abrigueiro de Friol. Cun resultado máis orgánico a temática das cancións xoga ao mesmo, amor e desamor mesturado, tempo, xogo, morte, reencontro, dúbida e un sentido do humor soterrado para afrontar o inabarcable, o bonito e o horrible.
Os concertos deste ciclo rematarán o xoves 18, cando actuará Cinematojazzia con Nani García. As actuacións, de entrada libre e gratuíta, serán ás 21:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2008.